Sesión final (8/02/18): Debate
Chegamos ó remate das sesións deste último tramo da materia de Didáctica. Pensar que comezamos hai un mes e que xa toca dar remate a esas clases nas que tanto aprendimos e que nos proporcionaron múltiples ferramentas para ver como nos gustaría enfocar as nosas sesións no futuro, pois non sempre hai que seguir o libro, ademais de que a creación de contido propio pode axudar a potenciación do alumnado para que este acade grandes metas, entre outros moitos elementos.
Durante este último día, levamos a cabo un debate conxunto pero divididos en pequenos grupos de catro ou cinco persoas. En primeiro lugar, tiñamos que definir cales son as características coas que ten que contar un/unha docente sobresaínte. O que quedou claro e que estabamos de acordo en múltiples aspectos entre os que destacaría a empatía e interese cara o alumnado, que sexa respectuoso, que saiba transmitir por riba de ter un coñecemento amplísimo na materia, a organización, a pasión polo seu traballo ou que teña man esquerda. Eses son para nós as características que vimos no profesorado que nos marcou e as que nos gustaría pór en practica como futuras docentes.
A continuación, pasamos a debater sobre temas que xeneran polémica como son os deberes, o emprego da tecnoloxía na aula (móbiles, libro dixital...) e o uso da lingua estranxeira. En relación co primeiro asunto a tratar como a dos deberes, a miña opinión segue sendo a mesma e consiste en mandar para casa algunhas actividades, mais con mesura, pois como alumna sufrín sobre todo na primaria unha cantidade inxente de traballo neste senso. Como ben vimos durante as sesións é moi importante que todas as actividades que realicemos, sexan para casa ou non, teñan un obxectivo claro e unha utilidade, pois deste xeito o alumnado saberá por que o fai.
O uso da lingua estranxeira versus a lingua materna durante as nosas sesións, tamén é outra cuestión que está en constante debate, pois aínda que pode resultar algo que se dá por suposto, non sempre é así. Aquí estamos moi acostumados a que as clases de lingua estranxeira o esencial é a impartición da gramática, por riba doutras moito máis importantes como a fluidez oral, a comprensión ou mesmo a pronuncia, tan importante en inglés. Neste aspecto considero que se debe e é preciso falar no idioma estranxeiro, pero tamén dicir, que pode haber certas ocasións nas que fagamos uso da lingua materna ben para aclarar unha dúbida ou para comentarr unha estrutura parecida.
O último aspecto que tocamos, foi o relativo ó da introdución da tecnoloxía na aula, mediante o emprego de móbiles, tabletas ou pizarra dixital. Estou moi de acordo co que se citaba no artigo "Is technology transforming education?", pois o innovador non consiste en usar toda a tecnoloxía pero facendo o mesmo que se non tiveramos, senón o modo en que facemos emprego dela. Isto é fundamental, xa que non por empregar a pizarra dixital para corrixir exercicios estamos a innovar. En canto á utilización do móbil, a miña opción é non introducilo, penso que se trata dun dispositivo moi tentador que pode distraer ó alumnado.
Esta é a miña opinión sobre os temas discutidos durante esta sesión. Quero destacar que algúns aspectos poden mudar, pois é na práctica cando realmente podemos probar todo o que pensamos, e ver se realmente funciona ou estabamos equivocados. Hai que destacar que depende de moitos factores, entre eles o tipo de alumnado ou os recursos dos que se dispoñan. Para rematar, gustaríame sinalar que foi un verdadeiro pracer contar con estas sesións, que nos proporcionaron múltiples ferramentas e actividades que mesmo poderemos usar durante o período de prácticas. Ver que é posible darlle unha volta ás clases e fomentar moito máis a competencia oral a través de diversas dinámicas nas que se vai introducindo a lingua estranxeira, e como os propios estudantes irán facendo uso dela cada día máis.


Con respecto ó uso dos móbiles, é moi probable que as normas do instituto ó que chegues estean fixadas nunha dirección ou noutra, non vas ter que tomar ti a decisión. De todos os xeitos, gutaríame que se agún día tes que tomala, poideras decir que sí, sempre que fora para unha actividade controlada, porque iso querería dicir que tes un bo ambiente na aula e que lles podes dar esa posibilidade sen problema.
ResponderEliminarGracias a ti pola túas reflexións. Sorte nas prácticas!
Gracias pola túa participación neste mestrado. Como Ana, deséxoche sorte nas prácticas e co TFM.
ResponderEliminar