Sesión 4 (7/02/18): a titoría, os grupos PMAR, CLIL e os auxiliares de conversa.

Nesta penúltima sesión da materia de Didáctica estivemos a tratar distintos temas que se encontran presentes e cos que temas que lidiar diariamente como profesorado. A continuación, comentarei os aspectos que atopei máis relevantes de cada un deses apartados entre os que se atopan: a hora de titoría, PMAR, CLIL e os auxiliares de conversa. Esas horas serviron de gran axuda para resolver certas dúbidas e á vez, para que xurdise un pequeno debate entre nós.

En primeiro lugar, está esa famosa hora de titoría na que dende a miña experiencia propia e polo que vin compartida tamén con outros compañeiros, é un tempo no que se aproveitaba para facer deberes, botar unha reprimenda polo que pasase noutra clase ou preparar contido relacionado con actividades propostas polo centro, mais en poucas ocasións se dedicaba a tratar temas que como adolescentes nos puideran axudar de cara ó futuro máis inmediato. Pola contra, durante esta sesión e tamén na materia  de Orientación e Función Titorial puidemos comprobar como se lle pode sacar moito xugo a ese tempo, ben traballando aspectos relacionados cos valores, mediante campañas de sensibilización ou simplemente favorecendo unha boa atmosfera na aula. Non obstante, como profesorado de lingua estranxeira podemos tamén aproveitar ese tempo para perfeccionar a competencia lingüística noutro idioma a través de diferentes dinámicas. 



En canto ós grupos PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento), dicir que coñecía a súa existencia pero non sabía como se traballaba  con eles, así que axudou en gran parte o exemplo das distintas actividades que se poden aplicar. Unha das cousas que saquei en claro e que con este tipo de grupos é mellor consolidar moi ben unha base, traballándoa en todas as variedades, que tentar avanzar polo que se marque e que deste xeito o alumnado se vexa desmotivado e que non é capaz de avanzar. Outro dos puntos cos que tamén estou de acordo foi o de crear contido específico en vez de guiarse sempre por un libro, pois considero que pode favorecer enormemente ó seu desenvolvemento paulatino. Por outra banda, creo que ver como se superan día a día tórnase unha experiencia moi gratificante como profesorado, algo que sen dúbida marcará a nosa experiencia laboral.

A metodoloxía CLIL e todo o que as seccións bilingües implican nun centro de ensino quedaron suficientemente claras, pois as distintas dúbidas que nos xurdían íanse resolvendo. Primeiro, destacar que nesta metodoloxía o que se adapta é a linguaxe e estruturas empregadas, mais non o contido da materia, así que creo que paga a pena aclarar este concepto, pois téndese a pensar ó revés. Ademais, outórgaselle máis importancia á fluidez que á exactitude, polo que é importante ter presente isto. Non podo falar por experiencia propia, posto que cando se ofertou unha materia bilingüe en bacharelato era a de matemáticas, materia que non cursei ó ir por letras, pero polas experiencias que contaron algúns compañeiros queda claro que a intención é boa, mais falta que se invista o necesario, sobre todo, en formación do profesorado neste aspecto.



Para rematar, falarei dos auxiliares de conversa, que para ser asignados a un centro, este ten que contar cunha sección bilingüe. Neste último caso, si que vivín en carne propia o de contar cun auxiliar e considero que repercutiu positivamente tanto no ambiente da aula como na nosa motivación. Pois tratábase dunha novidade, e mesmo para aquelas persoas que lles custaba participar durante as clases, facerse entender con alguén estranxeiro resultaba bastante positivo. 

PROPOSTA DE ACTIVIDADE

Neste caso, vou desenvolver unha actividade para a titoría de 2º de ESO. Como ben expuxen previamente, trátase dun tempo moitas veces desaproveitado e o que non se lle outorga a importancia que realmente ten, pois pode servir para mellorar o ambiente do grupo ou para seguir adentrándonos na competencia en lingua estranxeira, elemento que tomarei para levar a cabo esta sesión que detallarei a continuación.



Considero de gran importancia que as actividades que se fagan leven unha parte de reflexión, ben sexa sobre cuestións propias da adolescencia ou que simplemente se tomen ese tempo para pensar e sacar o mellor de si mesmos. Esta sesión de titoría xirará en torno a un test que conta con preguntas inxeniosas que invitan a pensar tanto o enunciado como a posible resposta e vai estar en inglés. Esta proposta anima ó alumnado a mellorar a súa competencia neste idioma, pero tamén,  a comprobar que son capaces de respostar cando comprenden ben o enunciado e a contestación está pensada, non sendo o primeiro que se lles pasou pola cabeza.

Ese test faríase primeiro de xeito individual e unha vez rematen, divididos en grupos de catro persoas porán en común as súas respostas, expoñendo argumentos que xustifiquen eses ditos. O tipo de preguntas que formarían ese cuestionario serían entre outras:
  1. If you pass the 2nd person in a race what will you be coming...
  2. Mary's Father has 5 children: Mimi, Mumu, Mama, Meme. What is the fifth child´s name?
  3. How could 22nd and 24th U.S Presidents have the same parents, but weren't brothers.
  4. Imagine you are in a sinking rowboat surrounded by sharks. How do you get out alive?
  5. How many legs does a horse have if you call its tail a leg?
  6. Does England have a 4th of July?
  7. What 5 letter word becomes shorter when you add 2 letters to it?
  8. Can you name three consecutive days without using the words Monday, Tuesday, Wednesday, Thursday, Friday, Saturday, or Sunday? 
  9. If you throw a red stone into the blue sea, what will it become?
  10. How many animals of each kind Moses bring on the ark?
Logo, correxiríanse as preguntas de modo común, pois para algunhas cuestións as respostas poden ser máis abertas, dando lugar tamén o desenvolvemento da súa creatividade e así o resto de compañeiros comprobará como entendeu cada un mesmo enunciado.

O que pretendo levando a cabo esta actividade, é que por unha banda, se introduza a lingua estranxeira de xeito que non sexa unha presión para algunha xente, a través dunha actividade divertida que ó mesmo tempo lle faga pensar,  e por outro, que continúen a practicar a fluidez noutro idioma que non é o materno.

Comentarios

  1. Estou dacordo no feito de que a presenza do auxiliar de conversa engade un factor de novidade, como ti dis. Deberíamos intentar que nas nosas clases tamén houbera ese factor novidade. É fundamental para que estean mái predispostos a aprender. Como dis nunha entrada túa anterior, é fundamental non caer na rutina nas clases.

    ResponderEliminar
  2. Insisto no uso da palabra "exercicio". Propoñemos actividades, non exercicios.
    A verdade, non vexo como encaixar este tipo de test dentro dunha hora de titoría. Con que tema o relacionarías? Estaría ben, por exemplo, para traballar a competrencia matemática, xa que estamos falando de dedicións lóxicas pero non a programaría para uha sesión de titoría.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. De acordo, daquela cambio o termo que efectivamente leva a erro. Nun principio non pensara nada, pero é certo que precisammos darlle un contexto para que se entenda o que estamos a facer. Creo que esta actividade podería encaixar dentro dunha hora de titoría na que se falara de como se enfronta cada persoa a un exame, é dicir como distribue o tempo ou como lle da a volta a esas preguntas que parecen nun primeiro momento máis complicadas. Primeiro fariamos un par de preguntas sobre como se ve cada un nese aspecto, para logo meternos no test e finalizar co que cada un sacou en conclusión, en forma de tertulia.

      Eliminar
  3. Unha moi boa idea, que se enmarca perfectamente dentro de "learning to learn", reflexionando sobre as dificultades.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Tema 4: O deseño curricular. (Diario)