Sesión 3 (6/02/18): Fomento da produción escrita e actividade.

Na entrada pertencente a esta sesión, que tivo como tema principal a produción escrita, gustaríame tratar varios asuntos que me pareceron de grande importancia cando queremos traballar nas nosas clases esa habilidade. Entre eses aspectos a desenvolver, vou destacar o tipo de actividades escritas, o motivo polo que se realizan e a corrección que se debe dar nas actividades de expresión escrita.

En primeiro lugar, estou moi de acordo en considerar que é mellor que durante as clases primen as actividades de expresión oral e interacción entre o alumnado, deixando que a produción escrita máis extensa quede para facer na casa, e mesmo que poidan entregalas a través da rede. Mais tamén é certo que non resulta conveniente relegala sempre para os deberes e que durante as sesión se poden facer actividades que impliquen a escritura, pero que sexan curtos, como un microrrelato ou a oda que se puxo como exemplo na aula. En relación cos exames, resulta máis efectivo tamén que a proba de produción escrita sexa poucas palabras, pois no traballo diario xa se está a avaliar esa destreza.


Por outra banda, todas as actividades que se levan a cabo teñen que contar cun motivo polo que se realizan, pero máis as que se refiren á expresión escrita, xa que é unha destreza que ó alumnado lle custa, así que se buscamos exemplos prácticos que poidan aplicar na súa vida, será moito mellor. Entre eses mostras podemos citar a de redactar un correo electrónico para un amigo, unha carta de presentación de cara a un posto de traballo, o noso CV ou a nosa opinión sobre certos asuntos nun post dun blogue ou nunha rede social. Que os estudantes se sintan implicados nese proceso, porque se trata de algo útil e que lles proporciona as ferramentas necesarias para incrementar esa motivación na que sempre debemos afondar, considéroo fundamental.

En canto o tipo de avaliación e coa que estou moi de de acordo, consiste en que esta corrección si que se ten que dar en detalle, a diferenza de cando nos atopamos ante unha interacción oral, que para non interromper marcamos menos os erros, prevalecendo polo tanto, a fluidez. Un exemplo que se proporcionou durante a sesión e co que coincido plenamente, e primeiro, subliñar os erros e do tipo que son (gramatical, estrutural...), sen desvelar a resposta correcta, pois creo que funciona mellor isto que dar directamente a corrección. O xeito no que cada persoa interioriza os erros cometidos é vendoos e buscando unha posible solución ó problema, en vez de proporcionarlles o resultado, porque van decatarse do que fixeron e probablemente non o volverán repetir.

En conclusión, as actividades que comprenden a produción escrita teñen que ser deseñados cun motivo moi concreto e sobre todo que se trate de algo que ó alumnado lle faga falta nalgún momento, pois deste xeito farano conscientes de que o poden empregar no futuro. Ademais, a corrección deste tipo de actividades dase dunha manera máis exhaustiva, xa que cando se entrega un escrito dispúxose de máis tempo para revisalo e tratar de que non conteña erros, a diferenza da produción oral que se realiza nese mesmo intre.

Actividade de produción escrita

Esta actividade ademais de promover a práctica da expresión escrita tamén deixa liberdade ó alumnado, para que este desenvolva a súa creatividade coa continuación da historia. Así que a cantidade de posibilidades que poden amosar son infinitas.

A dinámica comeza cun quentamento previo ó visionado que se vai facer, pois trátase dunha película muda, así que realizaremos algunhas preguntas do tipo se viron algunha vez este tipo de filmes, que coñecen sobre eles, que opinan, para finalmente traelos á actualidade coa cinta gañadora de varios Oscar The artist (2011) e que comproben que non é algo que non quedou no pasado.



A continuación, reproduciríase un extracto deste filme e o que terán que inventar é o inicio da historia e como se chegou ata alí. Consiste nun relato curto e que sexa moi directo, non interesa que escriban moito, senón que en poucas palabras saiban plasmar todo o que desexen dicir. Durante o visionado poden anotar nunha chuvia de ideas todo o que se lles ocorra como inicio da trama e logo elixir entre esas opcións ou entre outras que se lles ocorran posteriormente.

Esta actividade vai dirixida a un grupo de 4º de ESO, pero se queremos introducila en niveis de bacharelato poderían inventar un título para a súa historia e que o extracto se converta na parte do medio, polo que terán que crear o inicio e final da trama. As dúas partes deben ser curtas tamén, pois o interesante e que desenvolvan a súa creatividade pero nun espacio reducido.

Considero que pode tratarse dunha actividade moi interesante posto que ó partir dun soporte audiovisual xa estamos a cambiar a idea que o alumnado ten do writing, considerando que escriben longos documentos ós que logo non lle ven a parte práctica, así que a realización desta actividade vai mudando a idea preconcebida que teñen.

Comentarios

  1. Unha puntualización: non utilices "exercicio", recorda a diferencia entre actividade e exercicio, na que temos insistido bastante.
    A actividade que presentas está moi ben, mesmo se podería presentar como un concurso de guiones e facer logo unha votación a ver cal das historias propostas se escolle para facer a película!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas por lembrar o de exercicio vs actividade, porque é totalmente certo son conceptos distintos. Xa está cambiado. Paréceme moi boa a proposta do guión e que haxa unha votación para fomentar unha sana competencia entre o alumnado. Un saúdo.

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Tema 4: O deseño curricular. (Diario)