Sesión 3 (30/01/18): Reflexións varias e emprego da tecnoloxía nas aulas.

Durante o transcurso desta terceira sesión, puidemos comprobar como para traballar co libro de texto non é preciso seguilo ó pé da letra, senón que debemos exprimilo ó máximo, facendo as actividades doutro xeito ou mudando a orde destas. Ademais, citáronse as conclusións que extraíron profesionais relacionados co mundo educativo sobre as cousas que paga a pena subliñar. Por último, tiñamos que ler o artigo Is technology transforming education? co obxectivo de reflexionar sobre o que fala para logo aportar a nosa opinión.

En múltiples ocasións no meu rol como alumna tiven a oportunidade de constatar como os libros de texto obrigatorios parecíanme pouco didácticos á hora de aprender, xa que os vía como algo aburrido e pouco motivador. Porén, decateime durante esta sesión, que estaba bastante equivocada, pois aínda que nos libros veñen cousas desfasadas ou que non entendemos que fan ubicadas nunha páxina en concreto, o que queda claro é que o fundamental é o xeito no que se trate.  O máis doado consiste en seguir o pé da letra o teacher´s book que serve como guía para impartir das clases, pero se pola contra, queremos clases máis dinámicas e actuais, teremos que darlle unha volta ó exemplar e adaptalo ás nosas circunstancias (nº de alumnado, recursos...). 



Outra das cousas que quedou en evidencia, é que o profesorado está por riba do libro de texto e que polo tanto, este simplemente serve como un apoio para as nosas clases. Ver distintas maneiras nas que podemos abordar unha actividade, contribuíu en gran parte a que entendésemos que a reconversión dun texto proporciónalle ó alumnado outro punto de vista, grazas ó que é capaz de resolver un exercicio moito mellor. Un exemplo foi o da comprensión lectora, na que estamos afeitos a ter un texto diante, limitarnos a lelo e respostar a unhas cuestións referentes a este. Mais vimos como unha práctica tan sinxela como dividir o texto en párrafos e deixar que o ordenen, resulta moito máis dinámico e entretido, permitíndolles que con ese pequeno esforzo o comprendan mellor. Dependendo das modificacións que se realicen nas actividades, poderemos incrementar a súa efectividade e que o alumnado saiba resolvelo existosamente.

Por outra banda, comprobar como grandes profesionais relacionados co mundo educativo, tentan contribuír a unha mellora deste como César Bona, mestre zaragozano nominado ó Global Teacher Prize, quen promove unha titorización propiamente dita, o constante movemento dos pupitres, a participación do alumnado na sociedade ou o respecto e a empatía polo que nos rodea, fai decatarnos que aínda quedan persoas que loitan para mellorar o noso sistema educativo. Ademais deste, tamén se citou a David Calle, enxeñeiro de telecomunicacións e creador da plataforma UNICOOS e o experto internacional en xenética Ángel Carracedo, moi preocupado pola mala diagnose dos distintos trastornos.

Artigo: Is technology transforming education?

A paulatina introdución da tecnoloxía na educación propiciou un cambio na metodoloxía, facendo que o alumnado puidese participar e implicarse doutro xeito nas distintas dinámicas, pero neste mesmo senso, tamén xurdiu a problemática do mal uso das TIC, asunto tratado neste artigo tan interesante de Russel Standard (2015).




Como ben se sinala no texto, a innovación educativa non significa o emprego do taboleiro dixital para seguir facendo exercicio tras exercicio ou unha lista enorme de palabras, pois iso implica un modo tradicional de seguir impartindo as clases. Polo tanto, é de vital importancia distinguir este aspecto, xa que non é nada innovador, senón que se está a facer o mesmo que hai anos pero empregando medios tecnolóxicos (aquí un exemplo). Así que o que queda claro, é que o reformismo non consiste en empregar as TIC para seguir cunha metodoloxía tradicional, senón máis ben, en cambiar o uso que o profesorado lle da a estas.

Por outra banda, creo que tamén debemos ter especial coidado co traballo que se lle manda relacionado coas TIC, pois unha parte do profesorado tende a pensar que unha actividade ligada ó uso da tecnoloxía vai motivar ós discentes a realizala estando fóra do horario lectivo, soamente porque poidan empregar unha ferramenta en liña. Polo tanto, hai que ter en conta a non excesiva invasión do seu tempo de lecer con dinámicas sen sentido e que supoñen unha importante carga de traballo para eles.

Se ben o emprego da tecnoloxía nas aulas resulta moi atractivo para case todo o mundo, o certo é que se precisa ademais dun investimento acorde ás circunstancias, que os gobernos conten cun programa relativo a isto, e non simplemente, se limiten a prover ordenadores ou taboleiros dixitais sen sentido. Con isto refírome a que nese programa se proporcione unha formación ó profesorado para que traballe coas TIC de maneira transformadora e incorporándoas a súa metodoloxía, que se convirtan nun aliado, pero que nunca se consideren susbtitutos do seu traballo.

Como conclusión, quero rematar dicindo que me pareceu un artigo moi interesante, xa que reflicte ese paradigna ante o que nos atopamos como profesorado un uso axeitado da tecnoloxía nas aulas. Este texto subliña o que consiste en traballar dun modo efectivo coas TIC, e non é nin máis nin menos que o xeito na que as utilicemos, deixando tamén claro a contribución que deberían realizar as distintas administracións co obxectivo de que se empreguen de maneira transformadora, investindo en diversos programas que contribúan á formación dos docentes neste eido. 

Comentarios

  1. Bo resumo e reflexión. Só un apunte: deixouse d usar o termo TIC( Tecnoloxía da Infomación e da Comunicación) para usar o termo TAC (Tecnoloxía da Aprendizaxe e do Coñecemento) .

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Tema 4: O deseño curricular. (Diario)