Sesión 2 (31/01/2018): Produción oral na aula de lingua estranxeira e deseño dunha actividade

A posta en marcha de actividades que fomenten a produción oral e todo o que xira entorno a ela, converteuse no punto principal sobre o que xirou esta segunda sesión. Os temas que me resultaron máis interesantes e que desenvolverei de seguido, foron o da contextualización das actividades e que estean ligadas o que se está a dar, a potenciación da motivación intrínseca e extrínseca que esperte a súa curiosidade, a valoración positiva da fluidez por riba dos erros que se cometan.


Vólvese a pór en relevancia a importancia que ten a fase de contextualización no momento de deseñar unha actividade, é dicir, que teñamos en conta a relación que existe entre ela e a temática que esteamos a dar. Este punto considérase moi importante, posto que estar en consonancia con esa dinámica vai ter un sentido, ademais de que o propio alumnado estará preparado para iso, pois é algo que xa deron con anterioridade e poñerano de novo en práctica. En relación con este asunto, tamén subliñaría a trascendencia que ten a realización dunha actividade previa e logo unha posterior. A primeira co obxectivo de repasar elementos que apareceron con anterioridade e a outra para profundizar ou aclarar algúns aspectos que se deron na actividade principal.

Por outro lado e moi relacionada co dito anteriormente, cabe destacar que todas as actividades que levemos a cabo precisan ter un motivo e unha utilidade práctica, pois deste xeito o alumnado saberá por qué o fai e que lle servirá para empregala. Aquí estase a falar da motivación extrínseca, que é a que provén do exterior, e da intrínseca que se fai pola propia satisfación e interese de aprender. Esta última resulta máis difícil de plasmar, mais non imposible, así que debemos buscar actividades que incentiven esa parte. A clave desta, atópase na personalización e adaptación que se faga segundo o grupo ante o que se estea, se ben por unha banda precisamos que se trate dalgún aspecto que lle interese ós receptores, tamén deberemos afondar en contidos ligados coas competencias clave. En consecuencia, os contidos que se amosen e supoñan unha motivación para o grupo non se poden elixir á lixeira, senón que tamén teñen que relacionarse co seu desenvolvemento persoal, como por exemplo a serie de fotografías "Fallen Princesses" realizadas por Dina Goldstein que nos invitan a falar de mitos e estereotipos.

Agora, quero centrarme no tipo de avaliación e corrección que se aplica, sobre todo, á produción oral. No primeiro caso vou falar pola miña experiencia como alumna, comezando con que cada vez que alguén falaba e cometía algún erro de concordancia ou polo estilo, tan axiña como se producía xa se estaba a corrixir, facendo que primara a rectificación por riba da  fluidez que esa persoa puidera ter e coa conseguinte perda de autoconfianza que se lle poida causar. Así que en base ó vivido, inclínome máis pola proposta que se citou durante a sesión, na que se recompensa máis a destreza na fala que os pequenos erros que se poidan dar no trascurso da mesma, deixando estes últimos para o final e en pequenas doses. Porque como ben é sabido, aprender é un proceso de faltar e retomar, pero se apostamos por elementos positivos, creo que estamos a fomentar que o importante é que se interactúe, pois cometer erros é algo que se vai dando e resulta necesario para a aprendizaxe.

En conclusión, contextualizar as actividades influirá directamente na motivación que teña o alumnado, xa que lle vai outorgar un sentido ó que está facendo. Resulta tamén necesaria afondar na corrección que se aplica ás dinámicas deste tipo, pois téndese a recalcar o erro como algo negativo e non o considero así, pois aprender consiste precisamente en caer e volver a levantarse, é así como funciona este mecanismo. Por iso, en relación con isto aposto por dar un protagonismo a fluidez da conversa que os erros que se cometan durante esta, xa que é algo que ó alumnado do noso país lle custa bastante, así que se o interrompimos constamente, provocaremos que non queiran participar destas actividades.

ACTIVIDADE DE PRODUCIÓN ORAL (IMAXE)

O deseño desta actividade acordóuseme porque esta era unha das fases que lle tocou pasar a un amigo meu na entrevista para ser auxiliar de voo na aeroliña Emirates. Creo que potencia precisamente esa creatividade que moitas veces se ve mermada, ademais de servir para exercitar a memoria sobre léxico cotián o que moita veces non lle prestamos atención.


  • Obxectivos
    • Fomentar a creatividade e o pensamento fóra da caixa (imaxinación).
    • Empregar a gramática e léxico vistos na unidade (memoria para lembrarse o que viron durante o tema)
    • Facer uso dunha pronuncia axeitada.
  • Temporalización
    • 35 minutos



  • Actividade
    • 5 minutos: formar grupos de 6 estudantes empregando a web ClassDojo, que xa a usamos acotío para ir tomando notas do alumnado. Formar coas mesas pequenos circulos para que os membros de cada grupo se vexan e poidan falar.
    • 5 minutos: proporcionar instrucións claras e consisas para levar a cabo esta dinámica, na que se proporcionará unha foto igual a cada grupo dunha grampadora, e terán que propor ó menos 6 usos desta pero sen grampas. Logo de rematar o tempo, cada grupo exporá as súas ideas.
    • 10 minutos: deixar que os grupos debatan os diferentes usos que lle poderían dar, mentres imos pasando por cada un para ver que están comentando. Mentres no proxector haberá unha conta atrás para que estean pendentes do tempo que dispoñen.
    • 10 minutos: expoñer as diferentes solucións ás que chegaron.
    • 5 minutos: xerar unha pequena reflexión do que son capaces de facer se pensan máis alá e a sorpresa que lles supón para eles mesmo ver como se superan.

  • Axustes
    • É unha actividade feita para un grupo de 4º de ESO e niveis superiores. Se quixeramos adaptala a un nivel máis baixo, poderiamos tentar facer a descrición do obxecto proposto (cor, materia, nome...), que un compañeiro o detalle e o resto teñen que adiviñar de que se trata.

Comentarios

  1. Gústame a referencia á túa propia experiencia como alumna, xa que non debemos perder esas referencias cando chegamos a ser profes. A actividade é estupenda pódese usar con diversos niveis e podes variar o tipo de obxectos si te queres, por exemplo, centrar nunha área determinada. Moi bó traballo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Tema 4: O deseño curricular. (Diario)