Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora
Durante o desenvolvemento desta segunda sesión, tratáronse conceptos moi interesantes para nós como a variedade de exercicios que se poden facer co obxectivo de traballar a comprensión escrita/lectora, as actividades que se poden facer ó comezar a clase (warm up) ou as que se fan ó rematar (bellwork) ou as preocupacións sobre o alumnado ás que nos enfrontaremos como futuros docentes.
En primeiro lugar, gustaríame destacar algo que dixo Ana e que é unha constante no noso exercicio profesional, e que consiste en pensar que o profesorado que imparte a materia de lingua estranxeira é un dicionario andante. Esta situación repítese acotío, así que debemos deixar moi claro que somos humanos e que, incluso eles mesmos non coñecen todas as palabras da nosa lingua materna, e para iso podemos pór un exemplo.
Agora, en relación co deseño das distintas actividades que se inclúen no traballo da comprensión escrita, destaca a estrutura que comentei tamén na entrada anterior sobre a comprensión oral e na que é preciso darlle a súa importancia a labor previa de contextualización (warm up), antes de comezar co propio exercicio. Esa preparación vai encamiñar e axudar moito a que o alumnado se sitúe no tema que se vai tratar, polo que é moi importante que sexa algo simple e ó que todo o mundo chegue, para que se sinta involucrado no asunto. Tamén se pode levar a cabo un exercicio que lle poña a guinda e que se fai antes de que soe o timbre (bellwork), aproveitando eses últimos minutos para interiorizar o aprendido durante a sesión. Considero fundamental esta parte, así como a de postlectura, que na maioría das ocasións se esquecen e non se lles outorga a importancia que realmente ten, e que, sen dúbida, propicia que os resultados da primeira lectura melloren considerablemente.
As actividades de comprensión escrita ás que se enfrontan as/os estudantes poden darse de distintos xeitos, así que é importante non caer na rutina de facer as mesmas cousas e que eles xa se esperen o que vai acontecer. Procurarase que as clases esperten a súa curiosidade, pois isto fai que queiran seguir aprendendo. En moitas ocasións, cando o alumnado está a ler un texto quédase parado ante unha palabra porque simplemente descoñece o seu significado, daquela temos que proporcionar unhas ferramentas para que cando se atopen nesas situacións saiban saír do paso. En relación con isto, fixemos un exercicio durante a sesión que resultou moi clarificador, tratábase dun texto no que aparecían termos en inglés que non eran válidos mais fixéronnos crer que sí, e aínda sen existir, só co contexto sacábase o seu significado. Esta será unha das primeiras cousas que ensinemos co obxectivo de que se poidan defender ante unha comprensión escrita.
Outro dos temas que xurdiu durante a sesión foi o de como manexar a aquel alumnado que interrompe constantemente o ritmo da clase e propicia que outras/os compañeiras/os lle sigan. Ésta é unhas das principais preocupacións á que nos enfrontamos como futuro profesorado, así que ó comentalo o que quedou claro, foi que a maioría de estudantes teñen un bo comportamento e que os casos máis graves danse en contadas ocasións. É relevante que o primeiro día de clase marquemos unhas pautas para que se sigan durante todo o curso, pois fixar un marco axuda a que o alumnado saiba o que aterse cando están con nós. Seguindo nesta mesma liña, manter un respecto cara o estudantado propiciará que se manteña un bo ambiente na aula.
En conclusión, proporcionar ferramentas ó alumnado para que poida resolver satisfactoriamente a comprensión dun texto cando hai palabras que non sabe, convírtese nun exercicio que debemos ensinarlles, xa que cando len sempre se atoparán con termos descoñecidos. Por outra banda, a cantidade de maneiras nas que podemos presentar unha mesma actividade dependendo do nivel é moi variada, así que centrarémonos no público ó que vai dirixido e segundo iso, cambiaranse certos elementos. Por último, gustaríame destacar a importancia que teñen a realización de exercicios previos e posteriores á comprensión escrita, porque en definitiva, daralles o pulo preciso para que interioricen o que nós queremos, en relación con isto, tamén debe ter un claro obxectivo para que se entanda o motivo polo que o facemos.


Pola túa reflexión, vexo un moi bo aproveitamento da sesión.
ResponderEliminar