Sesión 1 (17/01/18): As competencias clave

O tema principal desta primeira sesión consistiu na definición e posta en práctica das sete competencias clave designadas polo proxecto europeo DeSeCo e que se acurtaron na LOMCE coa unión da Competencia matemática e da Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. Estes conceptos xa nos foran explicados previamente noutra materia deste mestrado, mais só se deron como parte teórica e non se viron en actividades concretas. Polo que, comprobar como se poden introducir estas competencias na realidade do alumnado serviu de gran axuda para ver do xeito na que as podemos implementar nas nosas clases.


Unha das competencias que para nós como docentes de LE resultaba máis complicada introducir era a da Competencia Matemática e Competencias Básicas en Ciencias e Tecnoloxía, xa que nun principio non veiamos o oco que podía ter. A solución resultou ser moito máis sinxela do que se pensaba, pois non era ningunha operación matemática, senón simplemente algo tan doado como dicir a data ou a hora. Mediante esta actividade tan cotiá xa estamos a desenvolver a competencia que se nos pide. Daquela, o emprego de actividades nas que estean presentes algunhas das competencias clave, axudaranos a cumprir co que se nos esixe dende o currículo e a mellorar a calidade educativa mediante propostas como estas nas que as/os discentes crezan tamén como persoas.

Deseguido, detivémonos nas actividades de quecemento (warm up activities) e o que estas significan para as/os estudantes, e para isto, probamos nós mesmo como funcionan, facendo a de Two truths and a lie. Resultou un exercicio moi entretido no que había que adiviñar cales eran as verdades e a mentira, mediante preguntas para descartar unhas ou outras. A posta en marcha deste tipo de dinámicas ó principio dunha clase pode facer que, por unha banda, o noso alumnado se active e cambie rapidamente o seu estado de ánimo, e por outra, que se repasen os elementos impartidos na sesión anterior ou os que se van desenvolver durante esa hora. Considero bastante importante que as sesións se comecen deste xeito, xa que invitaremos á clase a participar dela e como se trata dunha actividade sinxela e dinámica, a maioría da xente prestarase a facela.


Agora, e dende a miña posición como alumna, preciso dicir que durante a etapa de secundaria nunca se usaron estas actividades como fío condutor do que sería a sesión dese día, agás nun curso de Inmersión Lingüística. As actividades e proxectos que se levaban a cabo estaban orientados a mellorar a comprensión e produción oral, e sempre ó inicio das clases facíase un warm up, que podía tratarse dende unha representación mímica de vocabulario sobre profesións empregando a aplicación do Ipad Charades, ata o de Who am I? para tentar descubrir mediante preguntas cal era o personaxe famoso que tiñamos posto na fronte, só podendorespostar con si ou non. Estas dúas actividades de inicio, que ademais de ser entretidas e activas, propiciaban que, sen decatarnos, estivesemos a interiorizar e repasar contidos referentes ó léxico ou á gramática.

Outro dos elementos que se trataron durante a sesión e ó que lle outorgo especial relevancia, é a de que se coñeza moi ben ó grupo, é dicir, que saibamos quen son tímidos ou a quen lles custa menos participar nas clases, para que baseándonos niso actuemos de distintos xeitos, como por exemplo formando grupos se o estudante ten vergonza e que así se anime a interactuar máis. Moi en consonancia con este factor, está a adaptabilidade que se pode facer dunha actividade segundo o nivel o que vaia dirixido, así que daquela, podemos aproveitala en varios cursos simplemente mudando os elementos e que se incremente a súa dificultade.

En conclusión, esta sesión significou un gran avance para min, xa que no proxecto final doutra materia que consistía na elaboración dunha Unidade Didáctica e atopei problemas na designación das competencias en base ás actividades propostas, así que grazas a esta explicación na que se conxugaba teoría e práctica puiden entender moito mellor o asunto. Ademais, que se traten temas tan importantes como a adaptación de dinámicas segundo o público ó que se dirixa ou segundo as personalidades que existen dentro dunha aula, paréceme un punto esencial para tomar en consideración e propiciar un ambiente harmónico.


DESEÑO DUNHA ACTIVIDADE

Con motivo do deseño dunha actividade na que se deben incluír alomenos dúas das competencias clave, contando xa coa competencia en comunicación lingüística que é a principal nas sesións de linguas estranxeiras; nesta tarefa tamén aparecerán a competencia matemática e competencias básicas en ciencias e tecnoloxía, a competencia dixital e a da iniciativa e espírito emprendedor.

Esta actividade está destinada ás/ós estudantes de 3º da ESO e vai servir para lembrar o léxico protagonista da unidade que é sobre adventure vocabulary En primeiro lugar, e como ben recalquei na entrada anterior, é moi importante que antes de comezar a dinámica se realice a contextualización da mesma. Así que para ir introducíndonos no tema, realizaremos unha serie de preguntas ó alumnado, como por exemplo:
  • Is camping a popular pastime in our country?
  • Have you ever been camping? Did you enjoy it? Why/Why not?
  • What is the longest time you have spent camping? 
  • Do you know how to pitch a tent?
  • How does a compass work?
  • How do you light a campfire?
Mediante estas preguntas xa se van refrescando os elementos que se trataron con anterioridade e polo tanto, imos entrando en materia. O seguinte paso é porlles un video da plataforma YouTube (0:16-3:02) no que se cita vocabulario relativo ó tema, así que terán que ir apuntando nunha folla os termos que aparezan. Primeiro só escoitarán, polo que non se verán as imaxes do vídeo, xa que na segunda escoita é cando van visionalo e poderán corrixir as palabras que anotaron, pois nesta reprodución vense a transcricións.


A continuación, dividiremos á clase en grupos de 4 ou 5 persoas e formularemos a seguinte pregunta: What are the five most important things to bring when you go camping? Cada grupo ten que decidir sobre que cinco elementos consideran imprescindibles nunha acampada e para iso, todos teñen que acadar un acordo, e polo tanto, expor os seus motivos de por qué elixen iso. Cando o tempo estimado (10´) remate, cada grupo dende o seu sitio citará os elementos que acordaron e o resto de alumnado poderá formular unha pregunta se o precisan e que deste xeito se expliquen os motivos da escolla.

Como remate desta tarefa, terán que idear para a próxima sesións despois das vacacións e neses mesmos grupos, unha representación dunha escea típica que se dea nunha acampada, mais que conte unha pequena historia. A única condición é a da escea, xa que poden traer todos os materiais que precisen incluso contido dixital para a ambientación, é importante outorgarlles esa liberdade para crear o que eles consideren.

En resumo, esta actividade ten como obxectivo principal a revisión do léxico referente á aventura, aínda que tamén se empregarán outros elementos gramaticais vistos con anterioridade, polo que estamos a empregar a competencia en comunicación lingüística. Por outra banda, darlles unha pauta básica pero que arredor diso, poidan facelo do xeito que queiran, propicia que asuman riscos na toma de decisións, así que farán uso da competencia da iniciativa e espírito emprendedor. Ademais, se para levar a cabo esta tarefa seguen as instrucións de como se monta unha tenda de campaña ou como se orienta unha persoa cun compás, ou por exemplo, utilizan na elaboración algún contido gravado cun móbil, estarán a relacionarse coa competencia matemática e competencias básicas en ciencias e tecnoloxía e máis a competencia dixital.

Comentarios

  1. Tanto a reflexión como a actividade están moi ben. Para completar a actividade poderás darlles, por exemplo, un límite do peso que poden levar na mochila, así terán que calcular o peso das cousas que meten para non sobrepasalo, ou calcular a comida que van precisar para o número de días de campamento, afondando así na competencia matemática.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo comentario. Paréceme moi boa idea os exemplos que das para afondar na competencia matemática, así que tomo nota para a próxima vez.

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Tema 4: O deseño curricular. (Diario)