Sesión 1 (16/01/18): Actividades de comprensión oral

A primeira sesión desta materia coa que xa comezamos a introducirnos na parte práctica, que estabamos a esperar durante todo o mestrado, e que en definitiva, é a que como futuros docentes de secundaria temos que pór en uso nas nosas clases. Unha das cousas á que lle dou máis relevancia e que se nomeou ós poucos minutos, foi a da presenza do enfoque comunicativo (communicative approach) na ensinanza das linguas estranxeiras. O emprego desta metodoloxía, que impulsa a comunicación real con outros falantes desa LE, a través do emprego de materiais auténticos que tentan ser fieis á realidade que se vive fóra das aulas, funciona moi ben, posto que o alumnado pode comprobar de primeira man como todo o que aprenden ten un claro propósito e utilidade.




A continuación, pasarei a reflexionar sobre os aspectos que máis me chamaron a atención durante a clase, e os que dende o meu punto de vista, deberían estar presentes na ensinanza dunha lingua estranxeira.

En relación cos exercicios e actividades que entran dentro da comprensión oral, deberíanse seguir catro chanzos:
  1. Pre-escoita 
  2. Primera escoita
  3. Segunda/Terceira escoita
  4. Post-escoita
O primeiro paso de todos é o que amiúdo se omite, pero ten unha gran importancia, pois emprégase para contextualizar a actividade de escoita e activar coñecementos previos. Considero que realizar esa parte propicia a que o propio alumnado xa se vaia inmiscuíndo no tema da devandita actividade e que polo tanto, durante esa primeira escoita sexa capaz de captar máis cousas grazas a ese traballo previo. Ademais, no resto de etapas afondarase na realización de actividades máis mecánicas que rematen, por exemplo, cun pequeno debate sobre a temática dada.
Outras das cousas que me gustaría salientar, é a de estar afeitos a que as actividades adicadas á comprensión oral sexan, case sempre, as pistas de audio que acompañan ó libro de texto. Non obstante, existe unha grande variedade de posibilidades mediante as que se pode traballar a escoita, pasando dende un storytelling ata distintos tipos de ditado. O storytelling consiste no arte de contar historias aproveitando unha atmosfera máxica e, como exemplo, visionamos un vídeo no que experto na materia, Jamie Keddie, que tamén se dedica á docencia de EFL, interactúa cun reducido grupo de estudantes, non sendo o único que se limita a falar e o resto a escoitar. Tamén se pode comprobar como realiza a parte de contextualización, dotando ó alumnado do léxico que vai aparecer no conto.

Por outra banda, temos os famosos ditados. Acostumados a limitarnos a transcribir o que o propio docente di, sen realizar ningún tipo de interacción entre nós, é necesario dicir que hai moitas outras actividades que se poden facer con isto. Durante esta sesión, de feito, vimos e fixemos uns cantos (running dictation, bingo dictation, free dictation, dictogloss, opposite dictation), así que puidemos testar entre nós como ó variar minimamente a actividade e dinamizándoa, o resultado e a implicación que obtemos cambia de modo radical. Pois, que o alumanado se vexa implicado no proceso de E/A resulta altamente satisfactorio.

Xa para rematar, quero subliñar outro dos elementos importantes que debe estar presente nunha clase como é o da motivación. Buscando a diferenza entre a motivación intrínseca e a extrínseca no Dicionario Virtual Cervantes, así como distintos termos relacionados, como o da aprendizaxe significativa e a cooperación, pódese dicir que son factores imprescindibles no ensino. Conseguir que o alumnado estea motivado intrínsecamente, é dicir, que fagan as cousas porque queren, se divirten e lles gusta, non é unha tarefa doada, mais non imposible. Creo que as claves para que isto sexa unha realidade son a participación activa do alumnado durante as sesións, mediante a introdución do factor sorpresa para que nunca se esperen o que vaia acontecer na clase e teñan esa curiosidade e a inclusión dos intereses dos estudantes, entre outros. Aínda que nesta parte deberemos ser moi coidados, pois por exemplo, non lles poremos a última canción de moda se a mensaxe que transmite non é a apropiada, así que teremos un rigoroso filtro para evitar estas situacións.

En conclusión, grazas a esta sesión aprendín que nos exercicios de comprensión oral é esencial que se faga antes unha actividade de contextualización na que se extraian coñecementos previos ou se encamiñe a escoita. Tamén goza de moita importancia, que non se caia sempre na monotonía das mesmas dinámicas e como ben se comprobou na actividade do ditado, existen múltiples formas de enfocalo e que polo tanto se xere ese factor sorpresa, intimamente ligado á motivación intrínseca. Este último factor persoal considerado como un dos máis relevantes á hora de aprender e que inflúe diretamente nos resultados que se obteñan das/dos discentes.

Comentarios

  1. Satisfáceme que conclúas que as actividades deben ser contextualizadas e significativas e que as clases deben ter un ingrediente de sorpresa que axuda na motivación dos alumnos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Considero que é precisa esa conexión entre as actividades, como ben se recalcou durante a sesión para que o alumnado vexa que existe unha razón pola que se leva a cabo ese exercicio, e non se trata de algo aleatorio.

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Tema 4: O deseño curricular. (Diario)