Temas 7 e 8: O ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras en países da nosa contorna / As linguas estranxeiras como fenómeno global (Diario)
Nas últimas sesións e que polo tanto, dan remate á materia de "As linguas estranxeiras no contexto internacional e español", dedicáronse a impartición do tema 7 que vai sobre "O ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras en países da nosa contorna", e logo, o tema 8 que ten como título "As linguas estranxeiras como fenómeno global". Como colofón final, tiveron lugar as presentacións realizadas polo alumnado, que facían referencia a estes dous temas.
O tema 7 xira entorno ó nivel de linguas estranxeiras que ten España, presentando informes como o PISA, Eurostat e o Eurobarómetro, e o caso finlandés, que destaca precisamente polo seu excelente dominio en idiomas. Segundo ese informes europeos, o nivel respecto ás linguas estranxeiras sitúa a España nos últimos postos da clasificación e cun coñecemento da lingua inglesa bastante baixo, aínda sendo o idioma estranxeiro que máis se fala. O emprego das linguas estranxeiras faise para manter conversacións con amigos, no traballo ou para cando se viaxa.
No caso oposto, aparece o sistema finés, que pasou de estar en niveis moi baixos a acadar os que ten no día de hoxe. Lograron todo iso entre outras cousas:
- Reducindo o número de alumnado por clase, cun máximo de 24 estudantes
- Valorando do traballo de docente
- Non existe a figura de repetidor
- Proporcionan profesorado de apoio a todo aquel que o precise
En canto o caso das linguas estranxeiras en Finlandia destacan:
- A aprendizaxe esencial da súa lingua materna
- O estudo doutras linguas estranxeiras, mínimo unha obrigatoria (inglés ou sueco)
- A subtitulación de series e películas
Deseguido, pasouse o tema 8, no que se tratan diferentes métodos para o ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras empregados ó longo de todos estes anos. Entre eses salientan:
- Gramática e tradución
- Directo e natural
- Oral e situacional
- Por tarefas
- Audiolingüe
- Comunicativo
- Resposta física total
- Do silencio
- Suxestopedia
Unha característica, que pode unir a todos estes métodos de E/A, sería a de dar un papel máis protagonista á competencia comunicativa dos individuos. Salientar esa ferramenta da oralidade no momento de aprender unha lingua estranxeira, paréceme que é de vital importancia, pois se se pensa en como se xestionou esa ensinanza no sistema educativo español, dende a experiencia propia e compartido, pódese comprobar en que a produción oral é case inexistente. Non en van, o desastre que se causou ó prevalecer a gramática por riba doutras destrezas como a compresión e produción oral é moi notable en canto ó dominio de idiomas.
En conclusión, comprobar como o nivel en linguas estranxeiras en España aparece nos últimos postos dos distintos informes europeos, e daquela, se contrapón ó caso finés, país que lle outorga unha grande importancia a súa educación e que mudou totalmente o sistema que levaba nos anos oitenta. Polo tanto, considero que cambiar un sistema educativo deficiente é posible, sempre que se conte con vontade e traballo para que iso non continúe a ser así. Por outra banda, o coñecemento de métodos de ensino/aprendizaxe que potencien a competencia comunicativa por riba do ensino gramatical, creo que sen dúbida é unha moi boa opción para aprender unha lingua, pero acompañado de dunha base estrutural.


Boas, Sabela. Moitas grazas polo teu artigo. Comparando o sistema finlandés co español, reflexiono sobre a posibilidade de aplicar en España as medidas do país nórdico, como chegar a un máximo de 24 alumnos por aula ou proporcionar apoio a todo aquel que o precise. Neste último punto, a teoría o ten máis que contemplado ao incluír a atención a diversidade tanto na lexislación coma nos proxectos lingüísticos de centro, mais na realidade non se chega a dar o apoio necesario que precisan os alumnos con máis dificultades, ou se lles dá pero de xeito separado, manifestando explicitamente a diferenza co resto do grupo. No que concirne ao número de alumnos, para poder facer clases máis reducidas, cómpre que haxa un número maior de profesores para podérense repartir os grupos, así a todo, non sei se existen os orzamentos a tal fin ou se hai verdadeiro interese en dotar estes á contratación de novo profesorado. Ti que opinas da adaptación destas medidas ao noso sistema educativo? Cres que sería posible levalo a cabo con éxito?
ResponderEliminarOla, Natalia!
EliminarCoido que implementar medidas de ese tipo no noso sistema educativo é posible, mais para iso, precisamos do apoio e investimento dos gobernos central e autonómico. En relación co que apuntas sobre a atención á diversidade, tes toda a razón, pois é algo que ven recollido na lexislación, pero que logo na práctica non se cumpre, e as persoas máis prexudicadas son os estudantes que necesitan ese apoio.
Moitas grazas pola túa aportación.