O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Enfoque orientado á acción.
Na primeira sesión fixemos unha
achega que se refire ó Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas
(MCERL), que é un estándar de referencia internacional que se emprega para
describir a competencia lingüística dun individuo, e que foi deseñado polo
Consello de Europa co obxectivo de que as empresas e institucións educativas
tiveran un documento no que apoiarse na avaliación dos idiomas. Organízase en niveis
que van desde o A1 (principiante) ó C2 (experto)
segundo o dominio que se teña do devandito idioma e cada un deses chanzos ten
uns obxectivos que se deben cumprir para obter a certificación que corresponda.
Xa entrando en todo o que abarca
o MCERL parámonos en varios puntos que é importante salientar como o contexto
educativo e político, no que se inclúen a cooperación educativa, industrial,
cultural ou de mercado, a mellora da mobilidade internacional e a satisfacción
das necesidades desta Europa multicultural e multilingüe. Por outra banda,
destacan os capítulos centrados no enfoque orientado á acción (os usuarios
aprenden unha lingua como axentes sociais), os niveis comúns do Marco, o uso da
lingua feito polo usuario/alumno e as competencias deste, a aprendizaxe e a
ensinanza da lingua, as tarefas e o papel no ensino da lingua, a
diversificación lingüística e o currículo e, por último, a avaliación.
Dende o meu punto de vista, o punto que máis sorpresa e gratitude me causou, foi a recomendación de empregar o enfoque orientado á acción, pois podo dicir que como alumna, en contadas ocasións partín dese punto nunca clase de lingua estranxeira. Por iso, considero importante manifestar que se trata dunha opción moi interesante e acertada. Este enfoque:
“considera ós usuarios e alumnos que aprenden unha lingua principalmente como axentes sociais, é dicir, como membros dunha sociedade que ten tarefas (non só relacionadas coa lingua) que levar a cabo nunha serie determinada de circunstancias, nunha contorna específica e dentro dun campo de acción concreto. Aínda que os actos de fala danse en actividades de lingua, estas actividades forman parte dun contexto social máis amplo, que por si só pode outorgarlles pleno sentido. Falamos de “tarefas” na medida en que as accións as realizan un ou máis individuos utilizando estratexicamente as súas competencias específicas para conseguir un resultado concreto. O enfoque baseado na acción, por tanto, tamén ten en conta os recursos cognitivos, emocionais e volitivos, así como toda a serie de capacidades específicas que un individuo aplica como axente social.”(Europa, 2002)
Isto quere dicir que como alumnado/usuario non só aprende unha lingua polo feito de facelo, senón tamén, co obxectivo de integrarse nunha determinada comunidade. Ademais, tamén resalta o termo tarefas, que define como “conxunto de accións finalizadas nun sector concreto ou cunha meta definida e un produto particular” (Europa, 2002). En relación con isto, hai que lembrar que o MCERL diferenza entre dous tipos de tarefas, as “da vida real” que se fan en referencia as necesidades do alumnado fóra do aula ou nun contexto de aprendizaxe e as “comunicativas de carácter pedagóxico”, que se basean en situacións ficticias nas que se emprega a lingua meta en base a tarefas comunicativas reais. Estas tarefas son algo que sen dúbida motivan ó estudantado á hora de aprender unha lingua, pois poden comprobar de primeira man, que esas situacións van poder empregalas en calquera momento da súa vida. Por outra banda, a constante actualización das situacións fan que estean moi pegadas a actualidade e iso conleva unha gran vantaxe, xa que esa realidade tan próxima fai que o interese do alumnado tamén medre.
Polo tanto, a posta en marcha dunha clase de lingua estranxeira a partires deste enfoque é factible e penso que tamén moi necesaria, posto que, dende a miña propia experiencia de discente preciso dicir que a miña aprendizaxe e a da maioría de persoas que coñezo, sempre estivo case unicamente ligada coa gramática e coa morea de exercicios que van unidos a ela. Esa metodoloxía tan teórica e a súa práctica tan desmotivante, propicia que o alumnado se mostre reticente a seguir aprendendo, xa que non ven que iso lles axude nin a expresarse eles mesmos nin a entender ós outros. A implementación deste enfoque no aula pode facerse a través do coñecemento da cultura e tradicións existentes nos paises de fala inglesa, un exemplo podería ser o de Estados Unidos, país que resulta moi atractivo para o alumnado, e polo tanto, xa de primeiras quererán participar. Lembremos que unha das cousas más importantes que saliente o MCERL é que aprender unha lingua non só consiste en falala, senón tamén en coñecer máis de preto a súa cultura.
En conclusión, as achegas que trae consigo o MCERL significaron un gran avance no proceso de ensinanza e aprendizaxe de linguas, ó unificaren todos os estándares co fin de acadar unha única resposta á hora de definir as competencias lingüísticas. Saliento o enfoque orientado á acción porque me parece unha proposta moi ben definida e cun obxectivo moi claro, que é avogar por unha aprendizaxe das linguas estranxeiras pegada á realidade que están a vivir os estudantes. Por último, quero destacar que, aínda que me centrei no enfoque orientado á acción, hai moitos outros puntos importantes que se quitan deste documento como o contexto político e educativo, o papel do alumno/usuario ou a diversificación lingüística e o currículo, aspectos importantes que debemos ter en conta.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
- De Europa, C. (2002). Marco común europeo de referencia para las lenguas. Strasburgo: Consejo de Europa, Ministerio de Educación, Cultura y Deporte/Instituto Cervantes.
- Dormal, A. El enfoque orientado a la acción y su repercusión en el análisis de materiales.

Comentarios
Publicar un comentario