O ensino de linguas no presente modelo educativo, nacional e autonómico. As dificultades para os docentes.

Neste segundo tema, vimos entre outras cousas que factores debemos ter en conta cando impartimos unha clase, como son os recursos materiais (TIC´s, libros de texto...) e espazo de aula dos que se dispoñen, as características do alumnado e os sistemas tanto autonómicos(decreto)/nacionais (real decreto) como europeos nos que nos enmarcamos.  En relación co contexto europeo, fíxose unha alusión directa os obxectivos relacionados coa mobilidade, tecnoloxía, calidade e linguas, que marcou a Unión Europea cara o ano 2020 e que son de obrigado cumprimento para os países membros. Entre eses obxectivos salientan a aprendizaxe de linguas coa que se pretende mellorar a inserción laboral, detivéndonos nos termos plurilingüismo e multilingüismo, que resultan moi parecidos pero que teñen significados diferentes. Mentres que por unha banda, o plurilingüismo que é o coñecemento ou coexistencia de varias linguas nunha sociedade determinada, aínda que non se teña o mesmo nivel en todas; e por outra, o multilingüismo que fai referencia á presenza de dúas o máis linguas que se atopan o mesmo nivel.






Con respecto ás dificultades enumeradas as que se ten que enfrontar un docente no seu traballo, considero que a máis grave é a pouca consideración que se ten do seu labor por parte dos distintos gobernos estatais. Pois, debemos lembrar que o consenso en canto a unha lexislación educativa aínda non chegou, polo que se van sucedendo diversas leis que nunca se acaban de asentar. É un problema que sofre toda a cidadanía dun xeito constante, xa que non se entende como nun dos bastóns no que se apoia un estado, non se dea acadado un acordo, resúltame incomprensible que a estas alturas esteamos aínda así. Considero a educación como un dos elementos máis importantes dos que un país debe coidar e deste xeito están causando unha morea de estragos que se plasmados nos informes PISA (2016) ano tras ano. En relación a materia de linguas estranxeiras tampouco axudou moito, xa que, aínda que se decataron do importantes que eras, sobre todo coa incorporación á Unión Europea, non se fixeron grandes avances neste asunto.





Os aspectos negativos que resultan do cambio continuo que se fai na materia de lexislación educativa repercute en toda a sociedade, do lado dos docentes pero tamén dos discentes. O profesorado porque o seu labor vese interrompido con frecuencia, pois deben cumprir as leis e cando cambian todo o seu traballo tamén se esfuma; e o alumnado, porque actúan como un laboratorio no que se ensaian todas as leis. Se nos achegamos polo miúdo o ensino de linguas estranxeiras en España podemos dicir que os resultados case non melloraron e para mostra o informe Cifras clave de la enseñanza de lenguas en los centros escolares de Europa, no que se ve que países como Reino Unido ou Dinamarca que comezan cunha lingua estranxeira a partires dos 11 e 9 anos respectivamente, obteñen mellores resultados que os nosos. Polo tanto, coincidindo co senso da Unión Europea de que é mellor que se comece co ensino dun idioma canto máis pequeno é o individuo, non se aproveita en absoluto.

Recoñezo que chegar a un consenso en materia educativa non vai resultar nada fácil, pero penso que é posible, é para isto considero fundamental a participación activa dos docentes na redacción das leis, xa que son eles os que coñecen de primeira man as eivas e virtudes coas que traballan todos os días.
Recoñezo que chegar a un consenso en materia educativa non vai resultar nada fácil, pero penso que é posible acadar unha solución, e para isto considero fundamental que todos cedan polo ben da sociedade, non se pode permitir o atraso deste asunto tan importante. Por outra banda, penso que unha vez que se poñan de acordo os gobernantes e chegue o momento de redactar as leis, é necesario que os docentes participen disto, xa que son eles os que coñecen de primeira man as eivas e virtudes coas que traballan todos os días e que tamén repercute directamente no seu oficio á hora do proceso de ensino/aprendizaxe, ademais, deberase contar co compromiso de diversos axentes sociais involucrados nesta materia. Os representantes políticos deben deixar que estes personaxes teñan voz na lexislación educativa e en todo o que iso confire. Confío en que pronto chegue este momento para o ben da sociedade.

Concluíndo, as dificultades as que se teñen que enfrontar os docentes a diario, pasan dende o seu alumnado e os recursos dos que dispoñen, ata as diferentes leis que dirixen o seu traballo e que tamén o alteran. Isto é, o continuo cambio lexislativo en educación ó que estamos sometidos en España e que segundo o goberno que estea no momento cambia, algo que afecta de xeito feroz contra a sociedade, polo que debemos traballar neste eixe para acadar unha lei educativa de consenso.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
- OCDE (2016). PISA 2015: resultados clave.
- Cifras clave de la enseñanza de lenguas en los centros escolares de Europa. (2013). [ebook] Bruselas: Secretaría General Técnica. Dispoñible en: http://eacea.ec.europa.eu/education/eurydice/documents/key_data_series/143ES.pdf
- El Sistema Educativo español (2004). Madrid: MECD/CIDE. Ministerio de Educación Cultura y Deporte. Dispoñible en: http://uom.uib.cat/digitalAssets/202/202199_6.pdf

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sesión 2 (18/01/18): Comprensión escrita/lectora

Actividade para sesión virtual: Enfoque por tarefas e Método directo